Friday 03 de May de 2024

O Sons da Vila volve anima-las terrazas da Pobra


Bo tempo, música, ambiente distendido… Esta será a tónica xeral ao abeiro do Sons da Vila que levará ás terrazas da Pobra do Caramiñal unha ducia de concertos dende xullo a setembro. A concelleira Patricia Lojo, acompañada do representante da produtora Silencio Roto, Ricado Boo, relata que con esta nova convocatoria se busca seguir na senda de incrementa-la oferta cultural para o verán, servir de escaparate a grupos locais e dinamiza-las contornas das terrazas dos establecementos hostaleiros.

O mes de xullo contará coas actuacións de Rockolas (día 20, Xardíns de Valle-Inclán); D Crooners (día 21, praza de Maura) e Adolfo FH (día 26, Xardíns de Valle-Inclán).

O ritmo chegará no mes de agosto con Mar Davila (día 2, Xardíns de Valle-Inclán); Calle Bailén (día 3, praza Victoriano García Martí); Leite con jalletas (día 16, rúa Rafael Calleja); Human (día 17, praza Paulino Santos); Os Bar Ban Sónicos (día 24, Xardíns de Valle-Inclán); Bafana Bafana (día 27, praia da Illa); Loren Tevra & Nando Llon (día 30, paseo dos Areos); e Tobogán (día 31, praza Victoriano García Martí).

E Caras B pechará o cartel no 3 de setembro, na praza de Maura.

Estas sesións musicais comezarán ás 21.00 horas, agás nas xornadas do 3, 27 e 30 de agosto (21.30, 20.00 e 13.00 horas, respectivamente) e do 3 de setembro (ás 20.00 horas).